18/10/08

Stanley (Fucking) Kubrick

Tras resultar elixido como o mellor creador de ficción na enquisa da semana pasada, rendímoslle o noso particular homexane a este mestre do sétimo arte ¡DEP!


Nado no Bronx, na cidade de Nueva York o 26 de xullo de 1928 no seno dunha familia puidente e de orixe europea, dende temprana idade amosa unha gran paixón polo jazz, o xadrez e a fotografía. Un dos seus soños era chegar a ser batería nun grupo de jazz e chegou a xogar ao xadrez por cartos nos clubes de Marshal e Manhattan así como en parques públicos onde se organizaban partidas.

Pese a súa patente intelixencia, nunca foi recoñecido por ser un grande estudiante.

Cando o seu pai lle regalou unha cámara fotográfica comezou a sorprenderse ao descubrir os segredos do encadre. Máis animado, participou de xeito activo no periódico escolar, o Taft Review e consiguiu vender algunhas das súas fotografías á revista Look, para a que remataría traballando máis adiante.


As súas pésimas notas e a preferencia dos veteráns da Segunda Guerra Mundial non lle permitiron acceder á universidade tras graduarse na escola secundaria en 1946.


Traballando xa como fotógrafo para a revista Look, chegou a conseguir un gran prestixio e a ser dos mellor remunerados. Unha das súas fotos, na que retratou a un vendedor de periódicos entristecido pola morte do presidente Roosevelt e rodeado dos diarios que anunciaban o suceso, foi portada e concedeulle fama mundial en abril de 1945.


Continuou como fotógrafo durante varios anos e viaxou por toda América. Aqueles viaxes potenciaron o seu afán de coñecemento e acabou asistindo de oínte á Universidade de Columbia, supervisando as clases que daban Lionel Trilling, Mark Van Doren, e Moses Hadas. Así mesmo non se perdía ningunha película das proxectadas no Museo de Arte Moderno (MOMA). De alí obtivo gran parte das referencias que usou para as súas películas, basándose sobre todo nas malas, das que dicía que él podía facelo mellor. Un dos directores que máis o impresionou polos movementos de cámara e laberínticos decorados foi Max Ophüls, alemán exiliado en Francia.


Unha charla cun antigo compañeiro de clase que traballaba para o noticiario The Mach of Time axudou a encarrilar a Stanley cara o mundo do cine. Comentoulle que unha curtametraxe sairía por uns 40.000 dólares. Kubrick sen embargo estimou que podía facelo por 1.500 si se encargaba de todos os procesos técnicos e púxose mans á obra.


En 1951 roda a súa primeira curta, Days of the Fight, que narra a vida dun boxeador no transcorrer dun día. O coste final foi de 3.900 dólares, pero conseguiu que a RKO llo mercase por 4.000, deste xeito logrou que se exhibise públicamente, feito que o encheu de satisfación. Seguidamente roda outra curta co título de Flying Padre. Cos cartos que ten aforrados, máis un préstamo de dez mil dólares roda un filme independente, Fear and Desire (1953), no que segue asinando todos os apartados técnicos: director de fotografía, montaxe, guión, produción e realización. Do mesmo xeito realiza El beso del asesino (1955), unha película de tema policíaco. Posteriormente chega a renegar desta etapa, sendo moi difícil poder ver hoxe en día calquera destes filmes.

O seu seguinte traballo foi unha incursión no cine negro, adaptando unha novela de Lionel White, Clean Break que contou coa produción da United Artist e coñecemos co nome de Atraco perfecto (1956). Este acadou atraer as miradas de Hollywood polo seu peculiar xeito de tratar un xénero tan traballado. A historia recurría a varios flash back para contar o atraco a un hipódromo.


En 1957 dirixiu a Kirk Douglas en Senderos de gloria, un duro alegato pacifista. O actor impúxose un altísimo salario, un tercio do presuposto total, o que obrigou a que a película fose rodada en Alemania para abaratar costes. Esta película ensinou a Kubrick as vantaxes de rodar lonxe de Hollywood. A parte negativa deste proxecto foron os problemas de censura en países como España, Francia ou Bélgica.

Un dos grandes erros do director, do cal se lamentaría no futuro, foi volver a dirixir a Douglas, esta vez en Espartaco (1960). O actor era á vez productor e pediulle a Kubrick que rodase a película como favor personal tras despedir a Anthony Mann, quen iniciara o proxecto con anterioridade. Kubrick tampouco estaba dacordo co enfoque que Dalton Trumbo lle dera ao guión, consideraba o argumento pobre e non lle gustaba o aspecto de superprodución dos grandes estudios que tiña a película. Para colmo rematou tendo problemas coa censura: Trumbo estaba nas listas negras da censura americana e Douglas houbo de camuflalo cun pseudónimo, e escenas como a protagonizada por Tony Curtis e Laurence Oliver tiveron que eliminalas da montaxe final.


Pese a todo a película gozou dun gran éxito.


Nembargantes Kubrick, desencantado con Hollywood, decide marchar a Gran Bretaña, onde se establece definitivamente e fará todas as súas restantes películas, ainda que empregando capital americano. Unha das razóns polas que se coñece que marchou foi o odio ás grandes aglomeracións de xente de Los Ángeles. Sen embargo continuou a ser un gran consumidor de cultura americana. Incluso nos seus últimos anos algunhas das súas series favoritas seguían a ser americanas: Seinfield, Roseanne, Los Simpson. Así foi que para a súa seguinte película elixiu a unha xove que vira na televisión americana, Sue Lyon, no Show de Loretta Young.

A primeira película británica de Kubrick foi moi especial: Lolita (1962). Trátase dunha adaptación da famosa novela de Vladimir Nabokov, de alto contido erótico. Conseguiu rodala en Gran Bretaña gracias a que a Metro Goldwyn Mayer tiña uns fondos inmobilizados neste país e ademáis así acadaron diminuir a presión dos sectores máis conservadores dos Estados Unidos. Foi coidadosamente montada para pasar a censura, pero ainda así tivo problemas coa chamada Lexión Católica da Decencia entre outros…


Teléfono Rojo: ¿Volamos hacia Moscú?
(1964) foi un gran risco para Kubrick, posto que o tema nuclear nunca fora tratado con anterioridade en clave de humor. Rodouse nos estudios Shepperton, en Inglaterra debido a problemas legais de Peter Sellers a causa do seu divorcio, e sen sabelo cimentou o futuro lugar de traballo do director naquel país.


Por aquela época Kubrick comezaba xa a ser catalogado de xenio e obtivo excelentes críticas por parte de crítica e público, gracias ao cal conseguiu moita máis liberdade financieira e artística para embarcarse en calquer proxecto desexado. Así entrou en contacto co escritor de ciencia-fición Arthur C. Clarke, ao que lle propuxo adaptar unha historia corta súa, titulada El Centinela.


Traballando conxuntamente escribiron á vez o guión para a película a novela. Así naceu 2001: Una odisea del espacio (1968) que se convirteu en obxeto de culto e punto de inflexión para o xénero da ciencia-fición. O escritor, retirado a Sri Lanka acabou cansado do talento extravagante do director e non estivo dacordo co resultado final do filme. Documentouse para recrear un futuro verosímil contactando coa NASA e cos fabricantes informáticos e tecnolóxicos máis importantes. Entre eles IBM, que o asesorou para a creación dun ordenador que controlara toda unha nave, o xa mítico HAL9000. O fabricante informático acabou por desvincularse do proxecto porque un ordenador que fose o malo da película podía supoñer unha publicidade negativa, por isto Kubrick bautizou a súa máquina “retrocedendo” no abecedario unha letra e IBM convertiuse en HAL.

A súa siguinte obra foi moi controvertida, debido a súa violencia e contido sexual. Unha vez máis trátase da adaptación duhna novela: La naranja mecánica(1971). Empregou as últimas tendencias en música, con novedosos sintetizadores, así como en arte e arquitectura, con obras de arte moderno e o chamado pop art.

En 1975, Barry Lyndon(1975), protagonizada por Ryan O'Neal e Marisa Berenson foi a súa incursión no cine de época. Inspirouse en cadros do século XVIII para a súa ambientación e dispuxo da última tecnología existente no ámbito da fotografía para conseguir dar á película o realismo desexado, empregando un carísimo obxetivo da NASA que lle permitiu prescindir de iluminación artificial na práctica totalidade da rodaxe.


As súas obras íanse espaciando cada vez máis e ata cinco anos despois non estrenou a súa seguinte película, El resplandor (1980) unha historia de terror, protagonizada moi convincentemente por Jack Nicholson. Desta película Kubrick permitiu realizar un documental, dirixido pola súa propia filla. É un dato bastante curioso xa que chegou a despedir a xente por sacar fotos no set de rodaxe. Traballou desta vez cun operador de cámara chamado Garrett Brown e o seu novedoso invento, a Steadycam, a agora coñecidísima cámara superestable que daquela estaba ainda sen patentar.


Sete anos houbemos de esperar para ver a súa seguinte obra, La chaqueta metálica(1987), na que se critica a anulación da personalidade dos soldados no exército e o absurdo da guerra. Foi rodada en Inglaterra, a donde levaron multitude de elementos de todas as partes do mundo, incluíndo palmeiras españolas.

Eyes Wide Shut(1999), foi a súa obra póstuma, un estudio sobre a parella e o sexo, protagonizada por Nicole Kidman e Tom Cruise, unidos sentimentalmente por entón e bos amigos do director, quen os explotou ata extremos inverosímiles, como facelos rodar dúcias de veces unha misma escena ou chamalos meses despois de acabar a rodaxe para repetir tomas.

Morreu o 7 de marzo de 1999 en Hertforshire, Inglaterra, coa su última película rematada de rodar e prácticamente tamén de montar.


Para Kubrick o tempo nunca tivo prioridade. A súa corta filmografía delátao. O importante era facer as cousas ben, custase o que custase.


Tivo esa extraña capacidade dos xenios de exprimir ata a última gota de enerxía, de ser inflexible con todos, consigo mismo o primeiro e sólo se permitiu rendirse á morte cando tivo a súa última e póstuma obra rematada.


Sen embargo antes de morrer deixou un proxecto a medias, Inteligencia Artificial(que retomou Spielberg, pero quen sabe o que houbese feito o xenio con ela), pois levaba anos traballando nel á espera de que os adiantos técnicos lle permitisen rodar.

Saude!

No hay comentarios: